Friday 26 de April de 2024

A Pobra vivirá unha xornada de cine coas curtametraxes do CAD


O teatro cine Elma pobrense acollerá no 27 de novembro, ás 19.00 horas, unha gala de presentación das curtametraxes realizadas polas persoas usuarias do centro ocupacional do Centro de Atención Integral á Discapacidade (CAD). Segundo apuntou a directora do referido centro, Julia Rial, estas son as curtas coas cales competiron no OUFF Escola, de Ourense, xunto con outros corenta e cinco colexios e asociacións de toda Galicia, tralo cal acadaron a mención especial pola calidade dos traballos entregados. Salientou tamén o labor concienciador e pedagóxico destes filmes.

As pezas audiovisuais que se van proxectar son Prisión tecnolóxica, que reflicte o uso abusivo do teléfono móbil e das novas tecnoloxías; Cóntoche un conto, un stop motion que traslada a problemática dos incendios forestais narrando a vida dun carballo ao longo das catro estacións, dende o outono deica o verán; e No mar da diversidade, un vídeo musical creado polos rapaces e rapazas, coa letra incluída.

Así mesmo, a xornada contará coa performance de sombras O noso sentimento, na cal, tal e como sinalou a animadora sociocultural, Saray Pazos, o grupo de teatro do CAD escenificará o que sentiron durante a pandemia.

Pola súa parte, a concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo (BNG), puxo en valor o equipo do CAD e agradeceu a súa implicación no proxecto, do cal destacou que “une a parte emocional e a artística con temas actuais, e, así, a rapazada do centro ocupacional amósano-lo grandes artistas que son” ao tempo que transmiten unha fonda mensaxe.

As persoas que desexen asistir deben confirma-la súa asistencia a través do teléfono de contacto 981832764, marcando a extensión 2502, ou face-lo in situ no propio día do evento ata completa-la cabida.